Amicos continúa coa súa aposta pola formación

BOIRO> Durante o pasado ano realizáronse un total de oito cursos coa participación dunhas cen persoas. A finalidade: acadar a inserción laboral das persoas con algún tipo de discapacidade.

María, Xoán ou Carlos son algún dos cen participantes dos cursos de formación realizados por Amicos no marco do programa ‘Inserta2’, desenvolvido pola entidade ó longo do pasado ano, grazas á colaboración da Obra Social de La Caixa. Co orgullo do traballo e o esforzo realizado recollían da man das autoridades presentes no acto o correspondente diploma que os acreditaba ter participado nos distintos cursos. A finalidade, aumentar as súas capacidades formativas para poder integrarse no difícil mundo laboral. Algo que en parte se conseguíu. Dos cen participantes nos cursos, trinta xa dispuxeron da súa oportunidade de traballo. Algo que para eles e para Amicos é xa todo un éxito, aínda que queda moito camiño por percorrer.

No acto de clausura e entrega de diplomas tomaron parte tamén representantes da Xunta de Galicia, do Concello e tamén de La Caixa, que dende a súa obra Social, colabora con esta iniciativa.

O proxecto ‘Inserta2’ de Amicos terá continuidade nas próximas catro anualidades, co fin de atender a máis de 300 persoas con discapacidade.