Boiro Novo recollerá sinaturas para a apertura do aparcadoiro da Boqueira

BOIRO> Boiro Novo vén de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para a posta en marcha do aparcadoiro da Boqueira de Anegral. Ademais de habilitar varios puntos físicos en todo o municipio, será posible firmar na páxina de facebook da formación política.

En vista da necesidade de prazas de aparcamento existente no casco urbano, Boiro Novo volve reclamar a apertura do aparcadoiro da Boqueira de Anegral.

Entenden que é un servizo público que debería estar funcionando como tal e non en función do rendemento económico que se lle poida sacar a esta instalación que actualmente fai as veces de almacén.

As persoas que queiran participar na campaña a prol da apertura do parquing poden asinar nos distintos puntos físicos que habilitará Boiro Novo en tódalas parroquias así como a través dunha ferramenta dixital no facebook da formación política.

 Boiro Novo decidiu dar voz ós veciños tras tres anos nos que non conseguiron a apertura do parquing nin a través de mocións nin reclamando a súa inclusión nos orzamentos municipais. Agardan que a participación cidadá teña máis peso ante o goberno local.