Preto de oitenta entidades colaboran na programación do Xuño da Cultura

RIBEIRA> Máis dun cento de actividades compoñen o programa do Xuño da Cultura e das Artes elaborado polo concello de Ribeira. Preto de oitenta asociacións e servizos municipais colaboran na organización desta sétima edición. Son moitas as propostas enmarcadas no Xuño da Cultura e das Artes que un ano máis achegará ata Ribeira todo tipo de actividades. Destaca a colaboración do tecido asociativo do municipio con preto de sesenta agrupacións e unha vintena de departamentos municipais implicados na organización de actividades. A concelleira de Cultura destacou a diversidade das actividades cunha oferta para tódolos públicos que combinan arte, música, danza, teatro e numerosos obradoiros. As distintas actividades poden consultarse nos distintos prgramas de man, dos que se editaron cinco mil exemplares. Tamén se dará conta nas redes sociais da programación prevista para cada día.