RIANXO>A hipótese inicial que se baralla é que o lume puido iniciarse a raíz dun curtocircuito.
Espectacular incendio o que se declaraba a media tarde do sábado nesta ferretería situada na rúa Arcos Moldes. O lume iniciábase pasadas as seis da tarde propagándose con gran rapidez por toda a nave. A pesar da inmediata intervención dos bombeiros de Boiro e Ribeira, apoiados pola Policía Local e Protección Civil de Rianxo, tanto o local como o material almacenado quedaron totalmente arrasados. A densa fumareda afectou tamén a un establecemento comercial anexo así como a todo o edificio contiguo que tivo que ser desaloxado. Mesmo foi preciso cortar a rúa para facilitar as tarefas de extinción que se prolongaron ata ben entrada a madrugada.
Haberá que agardar ó informe da policía xudicial, que durante a xornada do domingo recolleu mostras na nave, para determinar as causas do suceso así como o alcance dos danos ocasionados.