Os nenos do CRA de Rianxo achéganse ás mulleres pioneiras

RIANXO> En plena resaca polo éxito da folga feminista, o Colexio Rural Agrupado de Rianxo celebrou hoxe unha xornada conmemorativa. Os nenos participaron en diversos obradoiros nos que se destacou o papel de mulleres pioneiras en diversos ámbitos. A educación en igualdade é a base para lorgar o cambio real na sociedade. Así o entenden dende o colexio rural agrupado de Rianxo onde esta mañá se celebrou unha xornada conmemorativa do Día da Muller. Os pequenos tiveron ocasión de coñecer, a través de contos, as figuras de destacadas pioneiras galegas das que posteriormente elaboraron un mural en 3D. Tamén recibiron a visita de Maruxa, do grupo musical Os Rosales, quen lles relatou a súa experiencia como unha das primeiras mulleres gaiteiras, labor que compaxinaba co traballo na casa  e na leira. Testemuños únicos de grandes mulleres como as nais e as avoas, ás que os cativos renderon unha pequeña homenaxe co fin de reivindicar o papel daquelas que fan posible o cambio día a día.