Rañeir@s tende a man ao resto de confrarías tralo visto bo dos técnicos de Mar ao seu plan

AROUSA> A asociación Rañeir@s Ría de Arousa está máis preto de ver aprobado o seu plan para a xestión do libre marisqueo. Os técnicos da Consellería do Mar informaron positivamente a proposta das seis confrarías da ría que compoñen o colectivo. Agora, a asociación convocará unha reunión co resto de confrarías para explicarlles o seu plan.

Boas novas para a asociación Rañeir@s Ría de Arousa. O plan para a xestión do libre marisqueo presentado polas seis confrarías que forman o colectivo recibiu o informe positivo dos técnicos da Consellería do Mar. Un primeiro paso importante para solucionar a problemática do sector.

A pesares da importancia deste avance, dende Rañeir@s Ría de Arousa optan pola cautela. A súa proposta vencéllase á concesión de subvencións para vixilancia e para asistencia técnica, algo sobre o que a Consellería non se pronunciou.

Fóra desta asociación, Carril e Vilaxoán presentaron a súa propia proposta, ao igual que Ribeira, Aguiño e Palmeira. Porén, estes plans recibiron un informe negativo. O proceso está agora en fase de alegacións, pero dende Rañeir@s tenden a man para traballar de xeito conxunto.

Dende Rañeir@s apuntan a que a situación actual do libre marisqueo é insostible para o sector. Por iso confían en que coa nova rolda de contactos consigan trasladar ás confrarías que se afastaron do seu plan as verdadeiras intencións da asociación.