O furtivismo compromete o futuro do marisqueo en Cabo de Cruz

BOIRO> Lonxe de mellorar, o problema do furtivismo en Cabo de Cruz vai de mal en peor. Dende a confraría xa non saben que medidas tomar para evitar que os mariscadores ilegais arrasen as súas concesións.

Traballan como profesionais. Baixan á praia equipados con traxes de neopreno e rastros especiais, non selectivos, que arrasan con todo o marisco.

Ademais de extraer importantes cantidades de marisco de talla comercial, os furtivos levan a cría de ameixa hipotecando non só a campaña actual senón o futuro da confraría.

A pesar de que a confraría conta con oito vixilantes e os mariscadores tamén colaboran nas tarefas de vixilancia, é moi difícil ter controladas tódalas concesións dada a súa amplitude. A Xunta e as forzas de seguridade traballan tamén para poñer coto a estas prácticas ilegais. Sen embargo, dende a confraría entenden que a solución pasaría por endurecer as penas.

Dende a súa tipificación como delito xa se teñen decretado varias ordes de afastamento, medidas que os furtivos non respectan posto que aínda que os collan se declaran insolventes.