BOIRO> Acompañada do alcalde, Xosé Ramón Romero, a deputada delegada de Mar e Medio Rural na Deputación da Coruña, Cristina Capelán, mantivo esta mañá unha rolda de contactos con representantes de distintas entidades do sector do mar na localidade como é o caso da confraría de pescadores, a asociación de mexilloeiros de Cabo de Cruz e a Cooperativa de Mariscadores Ría de Arousa.
Alí escoitou de primeira man as súas principais demandas, nun momento no que o sector non está a atravesar por unha boa situación.
Capelán trasladoulle o apoio do organismo provincial, que segundo ela, se podería materializar en varias liñas de axudas, unha delas específica para confrarías e agrupacións de mariscadores, á que destina medio millón de euros.
O alcalde referiuse tamén a outra das demandas que lle trasladaron nas distintas reunións, neste caso dirixida á consellería de Educación, referida á creación na localidade dun ciclo específico en acuicultura, para formar a potenciais traballadores neste sector.











