Rianxo habilitará catro vivendas sociais nas antigas casas dos mestres

RIANXO> Rianxo iniciará nas próximas semanas a rehabilitación das vivendas dos mestres. Esta primeira fase permitirá habilitar catro vivendas de protección social e dous baixos para equipamento municipal.

A pesar de que o concello de Rianxo formaba parte do Programa de Vivendas Baleiras da Xunta e da Fegamp, ningún propietario do municipio se tiña adherido ó programa. Ante a falla de oferta privada, o executivo decidiu promover un proxecto público para a implantación de vivendas de alugueiro social nas antigas residencias dos mestres. As obras para rehabilitar as catro primeiras comezarán nas próximas semanas cun orzamento próximo ós cento setenta mil euros.

A intención do concello é seguir a promover a dotación de vivenda pública polo que xa se está a tramitar a construción doutras dúas nunha antiga escola unitaria así como a segunda fase nas vivendas dos mestres.

Segundo os datos que manexa o departamento de Servizos Sociais, actualmente son oito as familias que precisan deste equipamento. A intención do executivo é poder dar cobertura a tódolos demandantes de cara ó vindeiro ano.