O TSXG ratifica o desaloxo do local dos xubilados de Rianxo

RIANXO> A confraría de Rianxo está máis preto de recuperar o baixo que ocupa o Club de Xubilados despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitise unha nova sentenza que obriga ó colectivo a abandonar o local. Ademais da construción dunha pequena depuradora, o pósito planea habilitar un arquivo nesta instalación.

O enfrontamento xudicial que manteñen Portos e a confraría de Rianxo con respecto ó local do Club de Xubilados está moi próximo a resolverse. O TSXG vén de declarar deserto un recurso presentado pola administración autonómica para evitar o desaloxo deste local que pertence á confraría. Unha boa nova para a súa directiva xa que o mantemento das instalacións supón un custo anual de entre seis e oito mil euros, polo que non dubidarán en pedir danos e prexuízos.

Á espera de que se materialice o desaloxo, que semella inminente, dende a confraría xa barallan varios proxectos a acometer nestas instalacións. Entre eles, unha depuradora ou un arquivo para a documentación.

O patrón maior entende o malestar entre os xubilados que levan moitos anos facendo uso destas instalacións. Sen embargo, lembran que existe un local municipal no auditorio destinado a este colectivo.