Jealsa e AGADEA únense para impulsar un modelo de coidados innovador e comprometido co territorio

BOIRO> A asociación AGADEA e Jealsa formalizaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá o impulso de novas iniciativas de coidado das persoas, reforzando o seu compromiso compartido coa responsabilidade social, a innovación e o desenvolvemento sostible. 

O convenio materializarase a través do proxecto ‘AGADEA HÁBITAT: Un mar de saúde’, contribuíndo ó desenvolvemento dun recurso pensado para ofrecer respiro, acompañamento e unha atención especializada ás persoas e familias que conviven coa demencia.

A través da súa estratexia de responsabilidade social corporativa We Sea, Jealsa participará no financiamento dunha sala de rehabilitación e estimulación equipada con novas tecnoloxías e solucións de realidade aumentada, orientadas a favorecer o benestar e a autonomía das persoas usuarias.