Xaneiro deixa un 32% de ocupación na provincia

Pontevedra> A provincia de Pontevedra pechou o mes de xaneiro cunha ocupación do 32 por cento, 4 puntos máis que na mesma época do 2017. A presidenta da Deputación estima que o 2018 será un gran ano en canto a turismo se refire. O obxectivo, dende a administración provincial será o de mellorar os datos do pasado ano.

O mes de xaneiro pechou as súas portas con datos positivos para a provincia de Pontevedra, cunha ocupación que chegou ao 32 por cento, 4 puntos máis que no 2017. Datos máis que positivos para a Presidenta da Deputación e máis tendo en conta que o 30 por cento dos establecementos hoteleiros están pechados durante o primeiro mes do ano.

O Salnés contou cunha ocupación do 41 por cento, Pontevedra do 32 e Caldas do 20 por cento. O 80 por cento dos turistas que nos visitaron eran de ámbito nacional e cun rango de idade entre os 35 e os 60 anos. Os destinos máis visitados durante xaneiro foron a comarca de Vigo, Pontevedra e o concello do Grove.  Carmela Silva dixo esta mañá que ten con fin converter o turismo nun sector produtivo de longo percorrido.

Os principais motivos das viaxes dos turistas que visitan as Rias Baixas son a cultura e o ocio. Carmela Silva agarda que no 2018 se melloren os datos de ocupación do pasado ano, do 2017 que foi un ano excepcional en canto a resultados turísticos se refire.