Pontevedra eleva unha queixa ao Ministerio de Transportes polos reiterados cortes na avenida de Marín

PONTEVEDRA> Estes cortes continuados nunha infraestrutura tan importante como esta esgotaron a paciencia do concello de Pontevedra. O goberno local elevou unha queixa formal ante o Ministerio de Transportes. Acúsano de pasividade ante os repetidos asolagamentos que impiden o uso da vía con normalidade. E reclaman ao Goberno Central que tome medidas para solucionar un problema que leva moitos anos sobre a mesa.

Cinco días consecutivos de cortes na PO-11 polos continuos asolagamentos esgotaron a paciencia do concello de Pontevedra. O goberno local elevará unha queixa formal ao Ministerio de Transportes.

A coincidencia entre as fortes chuvias das últimas semanas e as mareas vivas asolaga a avenida de Marín o que obriga a cortar o tráfico. Un problema, di Vilaverde, recorrente, permanente e coñecido dende hai anos.

Sobre as posibles solucións, dende o concello insisten en que non é competencia súa propoñer medidas técnicas para rematar con estas inundacións.

A voceira explicou tamén que o concello asistirá á reunión convocada mañá na Subdelegación do Goberno para abordar esta problemática. Pero insiste en que a marxe de manobra do executivo pontevedrés é limitada.

Tamén asistirán a este encontro o concello de Marín, as policías locais de Pontevedra e Marín, a Garda Civil de Tráfico, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra e a Demarcación de Estradas.