Pontevedra consegue 2,3 millóns de euros de Europa para destapar o Gafos antes do 2025

PONTEVEDRA> Antes do 2025 o destape do río Gafos, en Pontevedra, será unha realidade. O concello recibirá unha achega de fondos europeos de 3,7 millóns de euros para levar adiante diferentes proxectos relacionados co medio natural. E o principal é a renaturalización do Gafos no treito de Campolongo. A obra contará cun investimento de 2,3 millóns de euros.

Europa dá o empurrón definitivo a un dos proxectos estrela da concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra.

O departamento de Iván Puentes recibirá unha subvención de 3,7 millóns de euros da Fundación Biodiversidade para varios proxectos relacionados co medio natural. Pero a proposta estrela é o destape do Gafos. Unha actuación que contará cun orzamento de 2,3 millóns de euros.

Actuarase no primeiro treito de 330 metros, entre a rúa Xeneral Rubín e a igrexa de Campolongo. Ademais, na segunda fase desta convocatoria de achegas presentouse o proxecto para destapar a segunda parte, entre a zona de Ponte Boleira ata Corbaceiras. Resolverase no mes de setembro.

O concello traballa agora na convocatoria dun concurso de ideas para deseñar o proxecto de renaturalización do Gafos. A intención é que estea rematado neste 2022, para no 2023 comezar coa xestión dos permisos para as obras. Para dar cumprimento cos prazos marcados pola Unión Europea, a intervención terá que estar finalizada en xullo do 2025.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí