PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra recoñeceu onte o talento dunha corentena de mozos da provincia. Celebrou a gala de entrega dos Premios Provinciais da Xuventude, na que foi a súa novena edición. Os premiados foron escollidos entre máis dun cento de candidaturas, batendo novo récord de participación.
A Deputación de Pontevedra recoñeceu onte o talento da mocidade da provincia. A administración celebrou os Premios Provinciais da Xuventude, con 39 galardoados dunha ducia de disciplinas diferentes dos ámbitos das artes, a investigación e a sociedade.
A gala volveu superar todos os rexistros anteriores. Así, presentáronse 111 candidaturas. Entre os galardoados repartíronse preto de 31.000 euros.
Entre os premiados, destacamos á pontevedresas Luiselena Tilve e Andrea Dávila, en Deseño e Moda e Investigación en artes, respectivamente; Laura Paz, da Illa de Arousa, en fotografía orixinal e o tamén veciño de Pontevedra Fabio Rivas na categoría de Narrativa e tamén Poesía.
A grovense Lucía Rodríguez e o vilagarcián Manuel Alejandro Vázquez recibiron o terceiro e o segundo premio na categoría de Banda Deseñada; as catoirenses Elena Figueiro e Vanessa Parente o terceiro en Contido Audiovisual; Miguel Aitor Jamardo, de Caldas de Reis, recolleu o segundo premio en Iniciativa Empresarial e os traballos de investigación en artes de Rodrigo Cumbraos e Carlos Fernández, de Pontevedra, foron galardoados co terceiro e segundo premios, respectivamente. Tamén se recoñeceu o traballo musical do pontevedrés Javier Lago cun segundo premio, ao igual que a obra poética de Alexandra Fernández. Finalmente, Claudio Gómez quedou tamén en segundo lugar na categoría de serie fotográfica.











