A mellora da rede de abastecemento de Noia licitarase este ano

NOIA> A mellora da rede de abastecemento de auga licitarase ó longo deste ano. Así llo comunicou a Conselleira de Medio Ambiente ó alcalde noiés no transcurso dunha xuntanza na que tamén se abordaron outros proxectos en materia de saneamento e urbanismo. A redacción do proxecto para a mellora da rede de abastecemento de auga en Noia está xa moi avanzada polo que a licitación da obra poderá levarse a cabo antes de que remate o ano. Esta actuación permitirá poñer fin ós problemas puntuais de turbidez que se viñan rexistrando na localidade coa construción dun novo depósito que duplica a capacidade actual de almacenamento de auga potable. Medio Ambiente destinará novecentos mil euros a esta actuación. Ademais de analizar os detalles da actuación, a Conselleira e o alcalde tiveron ocasión de abordar outros proxectos durante o transcurso dunha recente xuntanza. Así, Santiago Freire expuxo a idoneidade do municipio para participar no proxecto Aquamundam, unha actividade promovida por Augas de Galicia no marco do programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal. Implicaría, entre outros proxectos, a realización dun plan director en materia de saneamento. Por último, ámbolos dous mandatarios aproveitaron o encontro para falar sobre o estado actual en que se atopa a tramitación do PXOM. Coincidiron na necesidade de coordinar as actuacións de ámbalas dúas administracións para realizar as modificacións e axustes requiridos de cara á redacción final do Plan.