NOIA> Noia viviu o seu fin de semana grande coa celebración dun San Marcos multitudinario. Centos de persoas gozaron da tradicional feira cabalar e maquinaria agrícola, así como dos numerosos espectáculos e concertos que se desenvolveron na vila de venres a domingo.
O bo tempo animou a afluencia de asistentes ó San Marcos de Noia que o sábado vivía o seu día grande coa feira cabalar. A cita, organizada este ano pola Asociación Cabalar Serra do Barbanza, contou con gran presenza de exemplares chegados de diversos puntos de Galicia.
Outro dos puntos fortes da xornada foi a Feira de Maquinaria Agrícola onde os asistentes puideron coñecer as últimas novidades do sector e aproveitar as ofertas.
Ademais das actividades máis tradicionais que incluíron tamén a recuperación do curro cabalar, os noieses disfrutaron de actuacións musicais de primeiro nivel con orquestras como a París de Noia ou Nueva Línea.











