LOUSAME> Os veciños da parroquia de Fruíme, en Lousame, levan dende o pasado 24 de outubro sen cobertura móbil. A pesar das reiteradas queixas presentadas polo concello, a compañía aínda non foi quen de solucionar a incidencia cos consecuentes prexuízos para os clientes.
Moi molestos. Así se atopan os veciños de Fruíme que levan dúas semanas sen servizo telefónico de Movistar. Moitos deles son persoas de avanzada idade que viven sos e dependen da cobertura móbil para comunicarse.
Nada máis ter coñecemento do problema, o concello de Lousame realizou varias queixas, tanto telefónicas como por escrito, para o restablecemento do servizo. Dende entón, a compañía resposta que están a traballar no arranxo da avaría pero non especifican a orixe desta incidencia que se prolongou xa demasiado tempo.
Dende o concello non descartan rescindir o seu contrato con Movistar, compañía da que tamén son clientes, ante a falla de empatía que, consideran, está a amosar a empresa coa veciñanza do rural.











