Gastronomía e tradición mestúranse na Festa da Orella da Boliña

BOIRO> Barbanza viviu a fin de semana grande do entroido por todo o alto. As actividades para os nenos estiveron moi presentes con festas infantís e concursos de disfraces. Pero sobre todo mandou a tradición con citas xa marcadas en vermello como a Festa da Orella de Porco da Boliña, en Boiro. Un ano máis, o campo de Revelar da Boliña encheuse de máscaras para celebrar a xa tradicional festa da Orella de Porco. Hai once anos que se vén desenvolvendo este encontro no que ademais de degustar este plato típico de entroido, tamén se poden saborear doces como orellas ou filloas ó ritmo de boa música e mellor compañía. Dende as sete da tarde, os asistentes desafiaron ó frío e á chuvia baixo a carpa instalada para a ocasión na que se celebraron tamén obradoiros e talleres para os máis cativos. Os grupos Charada e Blanca Doble puxeron a nota musical á verbena que se prolongou ata ben entrada a madrugada. Tras este bo arranque, o entroido seguirá moi presente nos concellos barbanzáns durante a semana cunha ampla oferta de actividades. Algunhas tiveron que ser suspendidas ou aprazadas ante as malas previsións meteorolóxicas. Entre elas, o desfile do martes de entroido de Boiro que se celebrará previsiblemente o vindeiro domingo día 18. Sen embargo, mantense o evento gastronómico previsto para as doce da mañá na sala de eventos do mercado municipal. En Rianxo, tampouco se celebrou o certame de carrozas previsto para este domingo que se aprazou tamén para o día 18. No así en Ribeira onde mañá terá lugar o xa tradicional certame de murgas e comparsas prevista para as cinco da tarde na praza do concello. En caso de chuvia trasladarase á carpa de entroido emprazada no Malecón.