O PP vilagarcián cualifica de “desalentadora” a reunión dos orzamentos co goberno local

VILAGARCÍA> O PP de Vilagarcía cualifica de “desalentadora” a xuntanza que mantiveron co goberno local para falar sobre os orzamentos de 2018. Os populares trasladáronlle ó executivo vilagarcián algunhas propostas que –segundo din- servirían para resolver algunhas das necesidades máis urxentes da cidade.

É o principal grupo da oposición, pero ó PP tocoulle ir de último na segunda rolda de contactos que está levando a cabo o goberno de Vilagarcía. Os populares din saír desa xuntanza decepcionados por varias razóns: a primeira delas pola actitude do executivo local, ó que acusan de ir ao encontro “coas mans no peto” e sen ansias de diálogo. A segunda, porque entenden que o executivo acudiu á reunión partindo da base de que non se ía chegar a ningún acordo.

Á xuntanza, o PP levou un documento con 68 medidas repartidas en diferentes áreas. Son, segundo o criterio dos populares, aportacións indispensables para que as contas do 2018 recollan e resolvan as necesidades que presenta a cidade en distintos ámbitos. Entre esas propostas, salientan algunhas en seguridade viaria, promoción turística ou política social. Tamén demandan a aprobación dunha ordenanza de publicidade, un asunto que o PP considera de capital importancia.

Os populares e o goberno local si atoparon un punto de encontro na demanda de ampliación da depuradora. No encontro, o PP puxo sobre a mesa o asunto e o executivo local asegurou que xa estaba a estuda-lo tema.

Con esta xuntanza pechouse a segunda rolda de contactos. O goberno vilagarcián ten prevista unha terceira convocatoria a tódolos grupos municipais, como paso previo a unha reunión conxunta, na que o executivo xa presentaría un borrador das contas para este exercicio.