O BNG de Boiro solicita a rehabilitación dos edificios públicos en desuso

BOIRO> A súa finalidade non é outra que destinalas a alugueiro social para aquelas familias con menos recursos.

O BNG pídelle ó equipo de goberno que cumpra o acordo adoptado no seu día pola corporación municipal e inicie os trámites oportunos para solicitar ante a Xunta as axudas necesarias para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal e destinalas a alugueiro social para aquelas familias con menos recursos. Poñen como exemplo destes inmobles que poderían beneficiarse desa liña  de subvención ás antigas vivendas dos mestres, ubicadas en Praia Xardín. Os nacionalistas pídenlle tamén ó executivo que valore a posibilidade de adherirse ó programa de vivendas baleiras da Xunta no caso de que esta sexa a opción máis vantaxosa para o Concello.