Vilanova rexistrará obras autonómicas por valor de 2 millóns de euros

VILANOVA> O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, compareceu como cada venres ante os medios para falar da actualidade da súa vila. Durán referiuse a reunión que mantivo coa Conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez, na que se trataron o estado no que se atopan os proxectos en execución no municipio.
Os dous proxectos máis importantes, dende o punto de vista económico, para o concello de Vilanova de Arousa na actualidade son a senda de San Miguel de Deiro e as beirarrúas da comarcal 549, que acumulan un pequeno retraso na súa execución, segundo admitiu o rexedor.
Unha importante inversión para o concello, que segundo afirma o alcalde, deixa en mal lugar a Deputación de Pontevedra.
Gonzalo Durán recoñeceu que despois da elaboración dun estudo a nivel autonómico para determinar os puntos de tráfico máis conflitivos, Vilanova de Arousa conta cun tramos de concentración de accidentes en San Miguel de Deiro. Unha situación a que se lle vai a intentar dar solución, segundo Durán afirmou.
Unhas inversións, moi necesarias para o concello arousán, segundo recoñeceu o seu rexedor, quen a súa vez recoñeceu que se está a conseguir o obxectivo de completar a dotación de beirarrúas en toda a zona semiurbana. Ademais anunciou que xa está lista a iluminación da senda do Ariño.