A comunidade educativa de Rianxo mobilízase contra o lume

RIANXO> Rianxo segue en pé de guerra contra o lume con varios actos reivindicativos. Esta vez a mobilización partía da propia comunidade educativa do municipio que este mediodía convocou de xeito conxunto en tódolos centros concentracións de repulsa contra os incendios.

Minutos antes das doce, hora prevista para o inicio do acto, os preto de cincocentos alumnos de infantil e primaria do colexio Castelao de Rianxo, ós que lle acompañaron tamén profesores e algún pai, saían ó patio para participar na concentración. Moitos dos cativos portaban cartaces e debuxos contra os incendios que estes días asolaron a varias aldeas do municipio. A moitos mesmo lle tocou de preto nas súas casas.

Durante a concentración dous nenos, Sonia e Iago, alumnos de quinto de primaria, foron os encargados de dar lectura a un manifesto no que mostraban a súa total repulsa aos lumes, agradecían o traballo ós medios e voluntarios que participaron na súa extinción e tamén reclamaban das autoridades un bosque autóctono e sostible.

O acto rematou cun minuto de silencio e un sonoro aplauso. A imaxe do Castelao repetiuse tamén nos outros dous centros educativos do municipio: o Ana María Diéguez de Asados e o Brea Segade de Taragoña, asi como nas escolas do CRA e no Instituto IES Félix Muriel.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí