CAMBADOS> Nun colexio de Cambados, os alumnos aprenderon hoxe a mellora-lo seu almorzo. É a primeira comida do día e a máis importante, polo que os nutricionistas recomendan unha boa inxesta de froita e lácteos para facer máis levadeiras as horas de clase.
O almorzo é a comida máis importante do día, porque aporta enerxía e vitalidade para ir ao colexio. Neste centro de Castrelo, os alumnos aprenderon hoxe a mellora-la súa alimentación. E é que, polo xeral, os rapaces e os pais e nais descoidan bastante a primeira comida da xornada.
E tanto a froita como os vexetais deberían se-la base da nosa alimentación e en especial do noso almorzo. No caso da infancia, a inxesta deste tipo de alimentos é fundamental, porque gastan máis enerxía que un adulto e están medrando. A froita apórtalles vitaminas, minerais, antioxidantes, fibra e unha peculiaridade: enchen o estómago, cun efecto saciante, o que lles permite ter unha mañá moito máis levadeira no colexio.
E despois da teoría, toca practicar co exemplo: leite, froita e pan do país con aceite foi o almorzo de media mañá que comeron estes rapaces. Moitos deles recoñecen que ata o de agora estaban almorzando mal, botando man de produtos industriais ou galletas. Segundo prometeron, a partir de hoxe os seus hábitos van mudar. Un dos piares da alimentación son os lácteos. Hoxe, os rapaces tamén aprenderon o valor do leite e o que custa producilo.