O alcalde de Catoira: ‘Alberto García segue pensando que o Concello é unha leira da súa propiedade’

CATOIRA> O BNG, que ata o de agora retén o bastón de mando en Catoira, ironiza sobre os motivos que levaron a PP e PSOE a pechar esta moción de censura. Xoán Castaño defende a súa xestión á fronte do Concello. Di que detrás do acordo entre socialistas e populares hai “intereses ocultos” que pronto sairán á luz. Lamenta que o PP caese no xogo do veterano Alberto Garcia que, para o Bloque, segue pensando que Catoira é unha leira da súa propiedade.

A sombra da moción de censura planea dende hai tempo sobre Catoira. O anuncio de hoxe non colle por sorpresa ó nacionalista Xoán Castaño. O aínda alcalde defende a súa xestión, enumerando diversos proxectos nos que está a traballar.

O rexedor cualifica de ‘patraña’ a moción de censura. Di que detrás dela agóchanse “intereses ocultos” de socialistas e populares. Castaño lamenta que Alberto García queira recupera-la alcaldía a toda costa.

O aínda alcalde carga tamén contra o PP, por caer na trampa do veterano socialista.

Castaño cuestiona que o candidato popular se presentase para derrotar a Alberto García e que agora lle devolva o bastón de mando.

A dirección nacional do BNG considera de “enorme gravidade o pacto PP-PSOE”.  Pídenlle ó líder dos socialistas galegos que interveña para frea-la moción de censura. Pregúntanlle ó PSOE que mensaxe quere mandar antes das eleccións galegas pactando co PP.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí