A Marea de Noia denuncia a mala xestión no departamento de Servizos Sociais

NOIA> Dende a formación apuntan a que no último ano deixáronse de executar varias partidas presupostarias como é o caso da destinada a emerxencia social. Unha vez analizado o informe que eles mesmos solicitaron á Intervención, a Marea de Noia denuncia a mala xestión dos Servizos Sociais municipais. Poñen como exemplo a situación que se dá en moitas das partidas destinadas a cubrir determinados servizos como é o caso de emerxencia social, que apenas chegan a executarse. Dos 30 mil euros previstos no orzamento de 2017 para este fin, tan só se executou un 24’7%. Algo que acontece tamén na partida destinada a asistencia social e no servizo de axuda no fogar, ás axudas para a educación e o transporte ou para a conciliación laboral e familiar. Dende a Marea denuncian a inoperancia do actual equipo de goberno na xestión deste departamento, poñendo énfase na necesidade dun cambio do actual modelo. Para mellorar esta situación e como alternativa, dende a Marea propoñen o aumento de persoal no departamento de Servizos Sociais para dar resposta ós múltiples expedientes que se tramitan por este servizo, moitos dos cales non chegan a resolverse. Piden tamén a aprobación da ordenanza da Renta Básica Municipal, a creación dun Plan de Conciliación ou a construcción dunha escola infantil pública, entre outras propostas.