O concello de Ribeira homenaxea á centenaria Lela Sampedro

RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de homenaxear a unha veciña centenaria. O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais desprazáronse ata o domicilio de Manuela Sampedro para entregarlle un ramo de flores e unha placa conmemorativa polo seu cen aniversario. O 18 de febreiro de 1918 nacía en Ribeira Manuela Sampedro Gude. Un século despois, Lela, como a coñecen familiarmente na súa vila natal, tivo a sorte de poder celebrar o seu cen cumpreanos rodeada da súa gran familia. Catro fillos, dez netos e doce bisnetos con quen compartir moitas lembranzas acumuladas ó longo de todo un século de vida. Unha vida da que se confesa feliz e satisfeita a pesar das dificultades propias dos tempos nos que lle tocou vivir, tal e como lembra, tan distintos ós de agora. Cen anos dedicada ó coidado dos seus; aínda agora xa que o seu bo estado de saúde permítelle botar unha man en tarefas domésticas que non requiren demasiado esforzo, xa que conserva intactas as súas boas mañas tanto na cociña como na costura. Ademais da festa familiar, tamén o concello quixo render homenaxe a esta centenaria. Esta mañá, o alcalde, Manuel Ruíz, e a concelleira de Servizos Sociais, visitarona no seu domicilio para facerlle entrega dun ramo de flores e unha placa conmemorativa. Lela recibiu os presentes moi emocionada e agradecida polo xesto. Tamén dende Canal Rías Baixas queremos desexarlle feliz aniversario e que cumpras moitos máis, Lela.