O soterramento da liña de alta tensión de Monteporreiro, a piques de ver a luz

PONTEVEDRA> O proxecto de soterramento da liña de alta tensión de Monteporreiro está cada vez máis preto de facerse realidade. O Concello comprométese a asinar de xeito inminente un acordo para cederlle a Fenosa a obra executada polo goberno local. Deste xeito, a eléctrica podería comezar xa no mes de marzo os traballos de retirada do actual cableado.

O soterramento da liña de alta tensión de Monteporreiro  está a piques de ve-la luz. As obras poderían comezar xa no mes de marzo e prolongarse durante un máximo de sete meses.

O Concello reuniuse xa coa empresa responsable do servizo, Unión Fenosa, para coordina-lo proxecto. Nesa xuntanza, o executivo local comprometeuse a asinar de xeito inminente un acordo para cederlle á compañía eléctrica a obra civil feita polo Concello, unha intervención baixo terra que se estende ó longo de 680 metros.

Outro proxecto que tamén está avanzando é o futuro aparcadoiro na contorna do Polígono do Vao. O Concello xa elaborou un informe para que Costas, a quen pertencen os terreos, dea o seu visto ó proxecto. Dende o executivo local, aseguran te-los deberes feitos neste asunto.

A edil de Urbanismo aproveitou para anunciar novas medidas para axiliza-los servizos que presta o seu departamento. Acábanse de incorporar 3 novos arquitectos, co que suplen esas vacantes. Tamén está previsto o traslado dos servizos de Urbanismo ó novo edificio de Ferreiros, aínda que polo de agora non está  pechada unha data para o cambio. Ademais  tamén se vai crear un servizo de atención telefónica do Departamento que busca complementa-lo servizo de atención presencial habitual.