Mango avalía ampliar a súa tenda de Benito Corbal unindo outros cinco locais adxacentes

PONTEVEDRA> Mango proxecta a súa expansión na milla de ouro pontevedresa. A compañía téxtil presentou unha solicitude de consulta urbanística no concello para unir a tenda actual que xa ten en Benito Corbal con outros cinco locais. Son os que están situados no baixo do edificio que fai esquina coa rúa Daniel de La Sota. Dende o goberno local confirmaron que o proxecto sería viable dende o punto de vista urbanístico.

Ata cinco locais do edificio número 6 que fai esquina entre Benito Corbal e Daniel de la Sota, en pleno centro de Pontevedra, poderían ser convertidos nunha nova tenda de Mango.

Actualmente, a compañía téxtil localizáse no número 8 da milla de ouro pontevedresa, local do antigo Gran Garaxe. Agora presentou unha solicitude de consulta urbanística no concello para ampliala, afectando a un soto e cinco baixos. Varios teñen actividade, entre eles a discoteca Lelé, a antiga Daniel.

Dende o concello confirman que o proxecto é viable dende o punto de vista urbanístico. Na consulta trasladada, Mango non especifica se a súa intención é unir todos os locais pero si sería posible facelo.

Mango inaugurou a súa tenda no edificio do Gran Garaxe en maio de 2017. Foi necesario un investimento de 570.000 euros para reformar o establecemento, despois do seu peche como aparcadoiro no ano 2014.