PONTEVEDRA> Luis López, delegado da Xunta en Pontevedra, anunciou esta mañá de xeito oficial a súa intención de presentar candidatura para presidir o Partido Popular provincial. López asegurou que de saír elixido o seu sería un traballo continuador, que non continuista, sempre coa vista posta en mellorar os resultados nas eleccións municipais do ano que vén. O PP celebrará o congreso para substituír a Alfonso Rueda o vindeiro 9 de xuño.
Exalcalde de Rodeiro, delegado da Xunta en Pontevedra, secretario xeral do PP pontevedrés e, agora tamén, candidato a presidir a formación a nivel provincial. Luis López anunciou esta mañá que dará un paso adiante, postulándose para substitutír a Alfonso Rueda.
López ten ata o día 20 para reunir os 75 avais necesarios para presentar a súa candidatura, pero xa adiantou que, de saír elixido presidente, o seu pretende ser un proxecto para todos.
Apoiar o cambio liderado por Alberto Núñez Feijóo a nivel estatal e consolidar unha quinta maioría absoluta na Xunta de Galicia para Alfonso Rueda son outros dos seus obxectivos. Tamén mellorar os resultados nas eleccións municipais do vindeiro ano.
Luis López explicou que a súa intención é continuar co traballo realizado por Alfonso Rueda.
O Partido Popular de Pontevedra celebrará o congreso para escoller ao seu novo presidente o vindeiro 9 de xullo. Polo de momento, só López expresou a súa intención de presentar candidatura.