O GROVE> O auditorio do Grove será unha realidade a finais deste ano. Tras 45 anos de agarda, os veciños pronto poderán gozar dun espazo que aspira a converterse nun referente arquitectónico e cultural. Fomentar o seu atractivo é precisamente o obxectivo da última modificación do proxecto: a construción dunha terraza na cuberta, que acollerá un parque e un miradoiro da ría de Arousa.
Foron 45 anos de agarda, pero semella que a finais deste ano os veciños do Grove contarán xa co demandado auditorio.
O edificio conta cun orzamento de 4 millóns de euros. Deles, case 2 proceden de fondos da Deputación de Pontevedra: 1,5 millóns chegan do Plan de Reequilibrio; o restante, son achegas do Plan Concellos.
O inmoble intégrase no Monte da Vila. Serán auditorio, sala de exposicións, Escola de Música e, nun futuro, a intención do concello é instalar aí o primeiro conservatorio do Salnés. Para facelo máis atractivo, a última modificación do proxecto inclúe a construción dunha terraza na cuberta.
Tanto Cacabelos como Silva destacaron que o auditorio é posible grazas á colaboración entre concello e Deputación de Pontevedra. Por iso lamentaron a falta de apoios por parte da Xunta de Galicia. O rexedor asegurou que o investimento autonómico no Grove en turismo e cultura é de cero euros.