VILAGARCÍA> Un veciño de Vilagarcía denuncia un desencontro co servizo de ambulancias do Hospital do Salnés. Constantino Pérez requeriu unha ambulancia para trasladar a unha consulta a súa nai de 87 anos, que recentemente sufriu un ictus que lle deixou a metade do corpo paralizado. Asegura que o técnico da ambulancia negouse a axudalo no transporte da muller ata o vehículo.
Xa pasaran horas dende o desencontro, pero o enfado de Constantino Pérez vai en aumento. O seu día comezou hoxe cun desagradable episodio, cando o servizo de ambulancias chegaba á súa vivenda unifamiliar na rúa Limoeiro, de Vilagarcía, para recoller a súa nai e trasladala ao Hospital do Salnés.
A día de hoxe, a nai de Constantino é unha muller dependente. Con 87 anos, hai dúas semanas que sufriu un ictus que lle paralizou a metade do corpo, o que a obriga a depender dunha cadeira de rodas.
Tal e como contaba este veciño, hoxe xa presentou unha reclamación no propio Hospital do Salnés, e a súa intención é denunciar o caso en todas as instancias que poida.