A Illa acolle o primeiro peche contra a nova lei de Saúde de Galicia

A ILLA DE AROUSA> Arrancan os peches da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés na Casa contra a nova lei de Saúde de Galicia. O primeiro deles tivo lugar esta mañá na Casa do Concello da Illa de Arousa. Ademais, ó mediodía celebraron unha concentración, que contou co apoio de numerosos veciños da localidade.

Dende as 9 da mañá ata as 3 da tarde. Durante esas seis horas, o Consistorio da Illa acolleu ós integrantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés. Esta é a primeira de seis concentracións deste tipo que leva a cabo o colectivo en defensa da área sanitaria do Salnés. Segundo apuntan, a precarización da sanidade na comarca xa se vén evidenciando dende hai tempo.

A media mañá, o colectivo tamén organizou unha concentración, onde moitos dos veciños da Illa lles achegaron as súas inquedanzas sobre o futuro da sanidade na comarca. O goberno local, pola súa banda, abriulle as portas da casa do Concello á Plataforma.

A Illa é o primeiro concello onde se pechou a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés. A seguinte parada será o vindeiro venres no consistorio de Ribadumia. As súas reivindicacións trasladaranse despois a Vilanova, Catoira, Cambados e Vilagarcía.