Nace ‘Grovemakers’, unha asociación de creadores e artesáns mecos

O GROVE> No Grove, un grupo de creadores e artesáns decidiron uni-las súas forzas impulsando unha nova asociación de comerciantes. Chamáronlle Grovemakers e, polo de agora, está composta por doce emprendedores. Estes días, coincidindo coa Festa do Marisco, o colectivo, xa constituído como tal, celebra a súa primeira feira conxunta na praza do Corgo.

Remando todos na mesma dirección, a chegada a bo porto sempre é máis doada. Para que os seus proxectos avancen, doce emprendedores do Grove decidiron impulsar unha nova asociación de comerciantes. O novo colectivo nace cunha particularidade: todos eles son deseñadores e creadores dos produtos que venden.

O nacemento desta nova asociación de comerciantes e creadores busca facer forza e gañar visibilidade. A súa posta en marcha viuse acelerada pola Festa do Marisco: este ano Grovemakers dispón dunha feira propia no recinto do Corgo. Os creadores mecos non disimulan o seu interese en participar neste evento, que atrae ata a localidade a milleiros e milleiros de persoas.

Unha vez superado o reto do Marisco, Grovemakers aínda ten por diante moito traballo. O seu obxectivo a medio-longo prazo e consolida-lo proxecto e captar novos emprendedores mecos para que se sumen ó colectivo.

Como Grovemakers é unha asociación de comerciantes diferente, as súas estratexias de desenvolvemento tamén o son.  Un dos seus plans de futuro é establecer contacto con artesáns doutros puntos de Galicia e mesmo de Portugal.

Entre os produtos que ofrecen os Grovemakers atopamos deseño gráfico, ilustración, serigrafía ou bixutería. Campos todos eles moi diferentes pero cun nexo común: o gusto polas cousas ben feitas… e feitas no Grove.