PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra sumouse ós actos reivindicativos desta xornada. O ente provincial celebrou un acto ás portas da súa sede, onde se deu lectura dun manifesto. A presidenta, Carmela Silva, sentenciou que as mulleres non están dispostas a vivir nun mundo onde non se conte con elas.
Unhas duascentas persoas, maioritariamente mulleres, protagonizaron diante do Pazo Provincial este acto reivindicativo dentro dunha xornada de folga que é, segundo Carmela Silva, é “necesaria e imprescindible”. Segundo a presidenta provincial, esta folga feminista convocada neste 8M é “un canto de igualdade e liberdade para toda a humanidade”.
Na lectura deste manifesto, Carmela Silva estivo acompañada polas deputadas do PSdeG-PSOE e do BNG do seu goberno, así como por numerosas personalidades como a deputada Patricia Vilán ou a secretaria xeral do PSOE pontevedrés, Maica Larriba.
Na concentración tamén participaron, ademais de traballadoras da Deputación, representantes de colectivos sociais ou numerosas alumnas dos institutos da cidade, concelleiros do Partido Popular de Pontevedra, con Jacobo Moreira á cabeza; a portavoz de Cidadáns, María Rey; ou edís do PSdeG-PSOE como Agustín Fernández ou Paloma Castro.