O sector do mar reclama ser escoitado ante calquera modificación da Lei de Costas

VILAGARCÍA> O sector do mar reclama ser escoitado ante calquera modificiación da Lei de Costas. Esta mañá, representantes de toda a cadea mar-industria reuníronse en Vilagarcía para esixir seguridade xurídica porque, segundo din, o futuro dun piar esencial da economía galega está en xogo. Piden tamén ao Goberno Central a constitución dunha mesa de análise na que participen representantes do sector do mar, sindicatos e Xunta.

Confrarías, bateeiros e empresas transformadoras do sector do mar unen as súas forzas para seren escoitados. Ante calquera modificación na Lei de Costas, a cadea mar-industria reclama o seu peso. Explican que calquera cambio sen contar con eles pode ser letal para o sector. Por iso, reclaman a creación dunha “mesa de análise” na que se atendan as súas demandas.

Esta mañá AGADE, ANFACO-CECOPESCA, APROMAR, a Federación Galega de Confaría de Pescadores e varias asociacións mexilloeiras fixeron público un comunicado conxunto. Falan de inseguridade xurídica e temen que unha modificación do regulamento poña en risco o futuro de moitas empresas. Reclaman máis información por parte do Goberno Central.

Ademais, defenden que o sector non atenderá a cuestión partidistas. Din que eles non van ser “arma arroxadiza” de ningunha forza política.

Ademais de trasladarlle as súas inquedanzas a tódolos grupos do Parlamento Galego, vanllo remitir a tódolos partidos galegos con representación no Congreso dos Deputados. Insisten tamén en que o seu obxectivo é reunirse con representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, para que elabore un estudo sobre o impacto que terían no sector os cambios na normativa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí