A UPTA pide ao goberno autonómico que complete ata o 100% da base mínima de cotización

GALICIA> Os autónomos son sen dúbida un dos colectivos máis afectados por esta emerxencia sanitaria. O Consello de Ministros aprobou xa unha serie de medidas destinadas aos empresarios afectados pola declaración de estado de alarma. Todos eles poderán acollerse ao cese de actividade e deixar de pagar a cota.

A crise do coronavirus está levándose por diante centos de negocios da nosa contorna. A repercusión económica que terá esta emerxencia sanitaria é aínda inestimable e a incerteza sobre o futuro segue medrando.

Tras as medidas aprobadas no Consello de Ministros, todos os autónomos cuxas actividades quedasen suspendidas polo estado de alarma ou naqueles casos nos que a súa facturación se vexa reducida nun 75% teñen agora varias ferramentas ás que acollerse. Entre elas destaca o cese de actividade extraordinario e temporal.

A contía de prestación dos autónomos afectados determinarase aplicando o 70% da base reguladora. Ademais, esta prestación por cese de actividade poderá prolongarse ata o último día no que finalice o estado de alarma.

Con este obxectivo sobre a mesa, dende a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos piden aos gobernos autonómicos que completen ata o 100% da base mínima de cotización. O que representaría unha axuda media de 300 euros para todos os empresarios que estean en cese de actividade. En canto á duración da axuda, dende UPTA piden que se estenda polo menos un mes dende que finalice o período de estado de alarma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí