A venda de bens decomisados aos narcotraficantes rolda os 160.000 euros

VILAGARCÍA> A Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Xunta renovan o seu convenio para a xestión dos bens incautados, procedente do tráfico de drogas. Este servizo recadou dende o 2016 case 160.000 euros.

O servizo de xestión de bens decomisados vén avalado polos seus propios resultados. Dende o ano 2016 ata o de agora foron xestionados case 70 bens. Vendéronse 22 turismos de alta gama, un camión e tamén un barco.

Estes bens incautados permitiron devolverlle á sociedade, dun ou doutro xeito, case 160.000 euros.

Esta mañá, por quinto ano consecutivo, procedeuse á renovación do convenio de colaboración entre a Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Xunta.

A Fundación xoga o papel de conexión entre os diferentes actores encargados de xestiona-los bens incautados, dende os xulgados ata a Fiscalía, pasando polo Colexio de Procuradores da Coruña.

Outra das vantaxes deste servizo é o retorno dos bens incautados, con cesións daqueles bens non vendidos a entidades sociais, municipios ou forzas de seguridade.

Nos vindeiros meses, o servizo sacará a poxa 4 novos vehículos, un camión e outro barco de recreo.