O “Misterio” faise co primeiro premio da segunda edición invernal do Destapa Vilagarcía

VILAGARCÍA> O “Misterio” faise co primeiro premio do concurso DESTAPA de Vilagarcía. A tapa deste establecemento fixo as delicias de moitos, nunha edición de inverno deste certame satisfactoria para a organización, a pesar da chuvia das últimas xornadas.

Despois de moito probar e probar, Vilagarcía atopou as tapas estrela do seu inverno. Esta mañá falláronse os premios da segunda edición invernal do Destapa. Este ano cunha peculiaridade: produciuse un empate no terceiro posto, polo que nesta edición houbo 4 gañadores. A tapa recoñecida co primeiro premio, a do “Misterio” leva por nome Eclipse Lunar e gustou tanto pola súa presentación, como polo seu sabor.

A resposta do público nesta edición foi, segundo o colectivo de hostaleiros da localidade, moi satisfactoria. E iso que o tempo non acompañou, especialmente nestes derradeiros días do certame.

Esta edición tamén trouxo dous premios novos: a dous instagramers que difundiron coas súas imaxes nesa rede social moitas das tapas inscritas no concurso. E como non, tamén agasallos para aqueles que completaron a ruta dos pinchos. Desta volta, os gañadores foron elixidos a través dun sorteo.

AHITUVI traballa xa na vindeira edición do Destapa, na súa edición estival, un evento gastronómico que fai as delicias de moitos vilagarciáns.