VILAGARCIA> CCOO non descarta que o sector da conserva vaia á folga trala rotura das negociacións coa patronal. O sindicato xunto con outras asociacións dos traballadores de toda Galicia manifestaranse mañá en Vilagarcía esixindo un convenio xusto para o sector. Entre as súas peticións: igualdade salarial, incremento conforme ao IPC e unha xornada laboral xusta.
Despois dun ano de reunións, as negociacións polo novo convenio do sector da conserva están totalmente rotas. As posturas entre ambas partes están moi distantes e os sindicatos mostran o seu malestar pola postura da patronal.
A diferencia salarial faise máis incomprensible nun sector no que o 80% dos traballadores son mulleres. Os sindicatos piden que se equiparen os salarios dos grupos 5 e 6 para garantir a igualdade.
Dende CCOO convocaron unha asemblea con todos os delgados para preparar a manifestación de mañá. Unha mobilización a nivel autonómico que terá lugar en Vilagarcía co obxectivo de esixir a patronal que acepte as propostas dos sindicatos.
A vindeira reunión entre sindicatos e patronal está convocada para o día 27, pero de CCOO consideran que só é unha convocatoria para desviar a atención. Advirten que no caso de que non se cheguen a acordos non descartan ningún tipo de medida, incluíndo as folgas.