Decenas de comerciantes afectados pola estafa en nome do IES Castro Alobre

VILAGARCÍA> Numerosos comerciantes e hostaleiros de Vilagarcía, estafados no nome do Instituto Castro Alobre. A alerta saltou hai uns días, cando a dirección do centro recibiu o aviso de que un home recadaba cartos para a organización dun torneo de fútbol inexistente. O instituto xa denunciou na Policía Local, e Zona Aberta avisou aos seus asociados para evitar novas vítimas. Aínda se descoñece o número de afectados.

Todo ben organizado e sen levantar sospeitas. Este é o modus operandi do home que leva preto de dous meses estafando a comerciantes e hostaleiros de Vilagarcía.

As alarmas saltaron hai uns días cando algúns dos comerciantes chamaron ao Instituto Castro Alobre para informarse sobre o suposto torneo. Foi entón cando a dirección colgou un aviso na súa páxina de Facebook e contactou con Zona Aberta.

A asociación ten xa algún falso recibo que demostraría que a estafa comezou, polo menos, a principios do mes de setembro. O instituto xa presentou denuncia na Policía Local.

Dende Zona Aberta fan un chamamento para que todos os afectados, sexan ou non socios, se poñan en contacto con eles para facer un cálculo das vítimas desta estafa e achegar toda a documentación ao Castro Alobre, para que se inclúa na denuncia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí