A Deputación saca do caixón o proxecto da estrada de Baión oito anos despois

VILANOVA> A Deputación de Pontevedra saca do caixón o proxecto da estrada de Baión a András. Esta mañá o novo presidente provincial realizou a súa primeira visita oficial ao concello de Vilanova. Alí comprometeuse a inicia-la redacción dese proxecto canto antes. Esa actuación quedara paralizada no 2015, coa chegada da esquerda ao goberno provincial. O executivo de Carmela Silva observaba daquela “ilegalidades” naquel proxecto, mentres que o alcalde vilanovés insiste en que aquela fora unha decisión sectaria para levar eses fondos para Vigo.

Ese foi o asunto central da primeira visita oficial do presidente da Deputación ao Concello de VIlanova. Luis López mantivo un encontro con Gonzalo Durán no que se comprometeu a desbloquear o proxecto da estrada entre Baión e András.

Este proxecto foi un dos grandes puntos de desencontro entre o concello vilanovés e o anterior executivo da Deputación. O alcalde lembra que no 2015 o proxecto xa estaba listo, foi adxudicato na última semana do mandato do popular Rafael Louzán e anulado polo goberno bipartito de Carmela Silva ao observar “ilegalidades”. Durán volve insistir que aqueles cartos foron para Vigo e non para Baión por mor do ‘sectarismo ditatorial’, dixo, do PSOE.

Agora o proceso iníciase de novo, así que hai que volver redacta-lo proxecto adaptándoo á realidade económica de 2023. No 2015 estaba cifrado en 1,8 millóns de euros.  Con todo este non foi o único asunto que puxo sobre a mesa Durán. Aproveitou para trasladarlle a López outras das necesidades máis urxentes no  municipio.

O presidente provincial comprometeuse a estuda-las demandas de Vilanova nun encontro do máis cordial, con intercambio de agasallos e cumpridos entrambos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí