Floreano e Monchiña viaxarán no Enobús este 2018

495

CAMBADOS> O Enobús prepárase para este 2018 pero con novidades. O paquete de turismo vitivinícola ideado polo concello de Cambados ao abeiro do seu nomeamento como Cidade Europea do Viño mudará este ano de imaxe, contando coa colaboración do debuxante Gogue e das súas personaxes. Tamén traballan en introducir algúns cambios que fagan a proposta aínda máis atractiva.

O Enobús foi unha das propostas estrela que o concello de Cambados puxo en marcha o ano pasado ao abeiro do seu nomeamento como Cidade Europea do Viño 2017. Como xa anunciaran, a iniciativa repite este 2018 sumando novas adegas ás súas rutas.

A actividade desenvolverase nos meses de xullo e agosto e manterá a fórmula de combinar as visitas a adegas con actividades como o marisqueo con Guimatur e as visitas á Fundación Manolo Paz e ao Museo do Viño. Esta última completarase cunha cata de escumosos.

Outra das principais novidades para este Enobús 2018 é o seu cambio de imaxe. O concello de Cambados e Gogue manteñen a colaboración que naceu doutras actividades, e Floreano e Monchiña darán a nota de cor á iniciativa.

Agora o concello traballa coas adegas no deseño do cadrante das visitas, que agardan poder presentar a principios do mes de abril. O Enobús viaxará de luns a vernes, aumentando as prazas ata 45 na procura de que a actividade sexa sostible cos propios ingresos que xere.