A ILLA> O Concello da Illa e a empresa pública Acuaes asinaron esta mañá o convenio que impulsa a construción da nova depuradora de Niño de Corvo. Unha actuación que busca acabar cos problemas no tratamento das augas residuais no municipio, o que provocou no 2018 un procedemento de infracción pola Comisión Europea. Trala sinatura do convenio, anunciouse que este mesmo martes sairán a licitación estes traballos, cun orzamento de 8,5 millóns de euros. Na sinatura desta mañá non estivo presente a metade do goberno local, do BNG, que o considera un acto de campaña do PSOE.
O Concello da Illa de Arousa e a empresa pública Acuaes asinaron esta mañá o convenio para a nova depuradora de Niño de Corvo. Unha actuación que sairá xa a licitación este martes. É a culminación dun proxecto que se declarou no ano 2018 de interese xeral do Estado logo de que a Comisión Europea abrise un expediente de sanción por non cumprir a normativa de tratamento de augas residuais. No 2019 o Ministerio de Transición Ecoloxica encargoulle esta obra a Acuaes, que agora viviu o impulso definitivo.
O alcalde insular celebra o anuncio da licitación. Di que se trata dun proxecto clave para o municipio e, en especial, para o sectores que viven do mar.
A nova depuradora suporá un investimento de 8,5 millóns de euros. O 80% procede de fondos Next Generation, a través do Plan de Recuperación do goberno central. Para poder optar a eses cartos e cumprir os prazos, as obras deberán comezar canto antes.
Ao acto de sinatura do convenio esta mañá na praza do Regueiro non asistiu a metade do goberno local. Os concelleiros do BNG cren que se trata dun acto electoral do PSOE.
Non o entende así o alcalde socialista. Arosa di que hoxe todo o mundo era ben recibido na sinatura deste convenio.
Ademais, o líder do BNG na Illa e tenente alcalde cre que con este acto os socialistas non están cumprindo o pacto de goberno bipartito porque, lembra, trátase dun asunto dunha área que xestiona o Bloque. Di que eles non se meteron nunca nas súas competencias e que este incumprimento non axuda a que a relación sexa boa entre as dúas partes do bipartito.











