Ribadumia crea unha rede cidadá para apoiar ás vítimas de violencia machista

RIBADUMIA> Ribadumia implica aos seus veciños na loita contra a violencia machista. O concello vén de poñer en marcha o programa Conta Comigo, unha iniciativa que busca crear unha rede cidadá contra esta lacra. Ademais de formar a varios voluntarios nesta materia, creará puntos de seguridade en locais do municipio que se adscriban á iniciativa.

Que a loita contra a violencia machista debe implicar a toda a sociedade, é unha das cuestións máis repetidas dende as diferentes administracións e entidades que pelexan contra esta lacra. En Ribadumia decidiron pasar da teoría á práctica e, con este obxectivo, naceu o programa Conta Comigo.

A intención desta iniciativa é crear unha rede que respalde ás vítimas deste tipo de situacións. Como primeiro paso, o concello formará a voluntarios e voluntarias para acompañalas, e nos protocolos a seguir.

A formación será de 50 horas, e desenvolverase entre marzo e setembro. O segundo piar do Conta Comigo é a creación de puntos de seguridade en diferentes locais do concello que se queiran adherir ao programa.

Voluntarios, establecementos, administracións e asociacións darán forma a esta iniciativa, pioneira en Galicia.

As persoa que queiran recorrer á axuda dos voluntarios poderán poñerse en contacto co concello de Ribadumia ou directamente co programa Conta Comigo. A iniciativa tamén está dispoñible para veciños doutros puntos da comarca do Salnés.