Portos, disposto a ceder de novo o uso do varadoiro de Portonovo para que aparquen coches no verán

SANXENXO> Portos de Galicia está disposto a renova-lo convenio para a cesión do uso do varadoiro de Portonovo para que se empregue como parking no verán. A presidenta do organismo autonómico estivo hoxe na localidade, onde tamén se comprometeu a estuda-la recolocación das casetas dos tickets de pasaxe e a retirada das sebes da rúa Rafael Picó para que as terrazas dos bares gañen máis espazo.

A presidenta de Portos de Galicia escoitou ‘in situ’ as demandas formuladas polo goberno local de Sanxenxo. O alcalde vén de solicitar ó ente autonómico unha renovación do convenio para a cesión do espazo portuario de Portonovo durante o verán como zona de estacionamento.

Tamén en Portonovo, o concello solicitou o cambio de localización das casetas de tickets de pasaxe para outra zona que non supoña un problema para o tránsito peonil.

Susana Lenguas tamén se comprometeu a estuda-la posible retirada desta sebe de arbustos, situada na avenida de Rafael Picó, en terreos de Portos, para amplia-la zona para as terrazas dos locais.

Aproveitando a súa visita a Sanxenxo, alcalde e presidenta achegáronse ata a praia da Carabuxeira, inmersa en pleno proceso de rexeneración.

Ademais, a presidenta de Portos avanzou que vai deseñar un proxecto de recuperación para a rampa centenaria de baixada á praia dos Barcos.