O SALNES> A Mancomunidade do Salnés levará ó seu vindeiro pleno a proposta de creación dun punto de encontro familiar na comarca. A iniciativa xorde a través da Asociación ESMAR, que leva tempo percorrendo os concellos da zona na procura de apoios. Do que se trata, di Gonzalo Durán, é de prestar un servizo que evite prexuízos ós menores.
A petición dun punto de encontro familiar na comarca do Salnés vai ser tratada no vindeiro pleno da Mancomunidade. A demanda parte da asociación ESMAR, que leva tempo percorrendo as distintas localidades da zona na procura de apoios para instar á Xunta a creación deste servizo. Dende o ente supramunicipal explican que se o goberno galego descarta crear ese punto, será a Mancomunidade a que cree un punto de intercambio familiar, fóra da rede da Xunta, que x dispón dun punto na cidade de Pontevedra. Do que se trata, di Gonzalo Durán, é de prestar un servizo que evite prexuízos ós menores.
O asunto será agora estudado polos técnicos da Mancomunidade. Un asunto complexo, din, pero que atopará solución, tal como demostra o historial de traballo do ente comarcal noutros retos, como por exemplo a creación do CIM do Salnés.
O Centro de Información á Muller no que participan Cambados, Ribadumia, Meis e Vilanova atendeu entre os anos 2013 e 2017 11.000 consultas de mulleres. Nese tempo, foron atendidos máis de 180 casos de vítimas da violencia machista. Tamén destaca o servizo de igualdade.
Mostra do seu traballo, tamén o seu intenso programa de actividades. Ata finais de ano o CIM do Salnés ten programado un completo programa de accións formativas, entre as que salientan as que se imparten nos centros educativos.
O programa de actividades complétase con cursos de defensa persoal, charlas, o Simposio ‘Móstrate Salnés’ e a lectura mancomunada do manifesto contra a violencia de xénero, o vindeiro 23 de novembro.