O GROVE> A semicircunvalación meca xa é unha realidade coa transformación da avenida de Beiramar. A vía acaba de ser desdobrada, permitindo entrar ou saír do núcleo urbano pola fachada litoral. Esta mañá, a presidenta da Deputación, que financiou parte das obras, visitou o resultado dos traballos.
O tan agardado desdobramento de Beiramar, no Grove, por fin é unha realidade. Unha vez superados os ratrasos que sufriron os traballos, a remodelación da avenida convértea agora nunha especie de circunvalación ao núcleo urbano meco. A actuación inclúe tamén a mellora xeral do espazo para os peóns.
Esta mañá, a presidenta da Deputación visitou o resultado dos traballos. Carmela Silva entende que o proxecto suporá un antes e un despois na mobilidade e no desenvolvemento do casco urbano. Aproveita para poñer en valor o traballo feito polo equipo de Cacabelos dende o 2015.
A remodelación da Avenida de Beiramar, di o a alcalde, vén complementar outras actuacións xa feitas, como Castelao ou Alexandre Bóveda. Pendente queda, polo de agora, a reforma da rúa Luisa Mestre, de titularidade autonómica.
A obra de remodelación de Beiramar supuxo un investimento de 600.000 euros, dos que a Deputación de Pontevedra achegou máis de 100.000 a través do Plan Concellos.