As vendas do Día do Pai poden resentirse este ano ao ser día laborable

VILAGARCÍA> Falta menos dunha semana para a celebración do Día do Pai e moitos xa andan na procura dun agasallo. Este ano, o 19 de marzo é día laborable e os comerciantes din que iso se nota nas vendas.

Os comerciantes xa están preparados para o Día do Pai. En Vilagarcía, agardan que a campaña deste ano dea bo resultado, aínda que desta volta non tódolos factores están do seu lado. Neste 2018, o 19 de marzo non é festivo, polo que as vendas semella que se van resentir un chisco.

Entre os produtos máis vendidos, os clásicos repiten unha vez máis. Roupa interior, colonias ou garabatas manteñen o seu nivel habitual de vendas. Así e todo, as novas tecnoloxías e a procura dun agasallo máis útil que vistoso están contribuíndo a que as vendas se diversifiquen. De feito, seica xa é habitual agasallar produtos tecnolóxicos, como móbiles ou táblets, ou mesmo electrodomésticos. En Vilagarcía, un ano máis, Zona Aberta incentiva as compras da localidade co seu xa clásico sorteo do Día do Pai. A organización de comerciantes vai sortear ata 500 euros.

Calcúlase que, de media, neste Día do Pai gastaremos en agasallos uns 47 euros.