A operación contra o marisco ilegal esténdese por varios puntos de España e Portugal

GALICIA> Estes rexistros practicados na Arousa forman parte dunha ampla operación que afecta a outras zonas de Galicia, pero tamén do resto de España e Portugal. As forzas de seguridade lusas levan máis dun ano investigando ás organizacións que distribuían o marisco.

A operación hispano-lusa contra a venda ilegal de marisco esténdese por varios puntos da xeografía peninsular. En Galicia, ademais de na Arousa, practicáronse rexistros en Poio. Tamén houbo actuacións das forzas de seguridade en Portugal e noutros puntos de España, como por exemplo, en Cantabria.

O dispositivo foi ordenado dende o país veciño. O xuíz luso que dirixe o caso, centra as súas pescudas no presunto contrabando de ameixa mediante facturas falsas. Segundo indicaron fontes próximas á investigación a Canal Rías Baixas, o marisco procedería de zonas contaminadas do Texo, extraído de xeito ilegal. A mercancía tería chegado á Arousa e ó resto de puntos onde se practicaron rexistros sen ningún tipo de garantía legal ou sanitaria.

As forzas de seguridade portuguesas levan máis dun ano detrás das organizacións que distribúen o marisco ilegal.